Feeds:
Artigos
Comentarios

BENVIDA

Ola  a todos e benvidos a este espazo que hoxe comeza o seu percorrido na rede! Dende aquí queremos convidar a todos (pais, profesores, alumnos e persoal non docente) a visitarnos para coñecer a andaina do noso equipo. Este será un lugar onde poderedes informarvos do noso proxecto, os nosos obxectivos, actividades, fotografías…

Semanalmente tentaremos crear artigos, facer comentarios, informar sobre aspectos relacionados co noso centro, teredes acceso a diferentes ligazóns, etc.

Esperamos que vos guste e que vos sexa útil.

Advertisements

LETRAS GALEGAS 2012

Con motivo da celebración das Letras Galegas o ENDL puxo en marcha unha serie de actividades que se levaron a cabo ao longo de toda a semana. Todo o alumnado do centro realizou diferentes traballos (adaptados a cada idade) sobre a figura de Valentín Paz Andrade, dende debuxos, encrucillados, análise de poemas, lectura da súa biografía, etc.

A véspera da festa, no patio do colexio, celebramos un Festival das Letras Galegas no que participaron moitos alumnos. Os maiores (4º de ESO) fixeron unha representación dunha entrevista realizada ao propio autor e, no medio, houbo lectura de poemas, cancións populares, música en directo… e ata un contacontos para os máis pequenos!

Tamén aproveitamos a ocasión para entregar os diplomas aos alumnos que forman parte do grupo de teatro e aos gañadores do “Maratón lector” deste trimestre.

Todas estas actividades serán gravadas na radio escolar Torre de Lemos para que todo o mundo poida conectarse e gozar das habilidades interpretativas dos nosos alumnos e alumnas.

O San Brais

Para todos os monfortinos e monfortinas o día 3 de febreiro ten un aquel especial: é o San Brais. A xente que non é de aquí pasa ese día coma outro calquera, pero nós…

Dende quince días antes comezamos a pensar nas roscas, na Misa de bendición, na decoración do cole, en comprar as cintas de cores para evitar os males de gorxa…

Para a meirande parte dos galegos, San Brais é ese santo que lembramos cada vez que dicimos: “Polo San Brais, dúas horas máis”, xa que nesta época do ano nótase bastante que os días son máis longos. Para nós, é o santo ao que lle pedimos que nos protexa dos problemas relacionados coa gorxa, e por iso grandes e pequenos poñemos (durante nove días, polo menos) as cintas benditas arredor do pescozo e comemos as roscas benditas que as nosas avoas fan ano tras ano.

Parabéns a todos os Brais e Blas nesta data!

A celebración do Magosto

Un ano máis o alumnado de EI, EP e ESO e mais os seus profesores xuntámonos a tarde do luns, día 7 de novembro, para celebrar o magosto no centro. Os maiores (Secundaria) elaboraron murais cos que se decoraron as diferentes entradas ao centro e os máis cativos decoraron as aulas e corredores con debuxos alusivos, contos, traballos, etc. Deste xeito, á parte de manter vivos os nosos costumes, damos a coñecer as nosas tradicións ás familias inmigrantes.

Comezamos este novo curso escolar con algún cambio dentro da organización do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro. A súa coordinadora segue a ser Remedios Sánchez Estévez, profesora de Galego en ESO. O resto de integrantes son: Mar Fernández e Isabel Quiroga (profesoras en EP), Araceli Pérez (representante do PAS) e Sergio Méndez (alumno de 4º ESO).

Aínda que xa pasaron algúns meses, tentaremos achegar neste blog as actividades que levaremos a cabo dende o noso equipo.

Se queredes consultar o Plan Xeral para o Uso do Idioma redactado no centro, podedes visitar a seguinte ligazón:

PLAN XERAL

 

O NOSO EQUIPO

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso centro (ENDL) vén funcionando dende a súa creación conforme ao decreto 324 e 374/1996. Está formado por catro profesoras: Remedios Sánchez Estévez (profesora de ESO e coordinadora do equipo), Remedios Rosario López (titora de 2º de EP), Mercedes Rodríguez Valcárcel (titora de 3º de EP) e Isabel Quiroga Ferreño (titora de 4º de EP). Todas elas son profesoras de lingua galega no colexio.

Entre os nosos obxectivos están coordinar, planificar, promover actividades na nosa lingua e crear medidas e proxectos encamiñados a conseguir un uso normal do galego en todos os membros da comunidade educativa, así como dar a coñecer os costumes e tradicións propios